Fijo: 986 858 254 / Móvil: 604 077 362 / Fax: 986 861 977
UN POUCO DE HISTORIA
ATENDENDO A PERSOAS CON DROGODEPENDENCIA DENDE O 1994
A asociación “Rexurdir Provincial” fúndase no ano 1994 nun intento de dar resposta á problemática social de dependencia ás drogas detectada na cidade. Aínda que comeza atendendo principalmente os problemas asociados a dito consumo, foi evolucionando na súa oferta de servizos e ampliando á axuda a outros colectivos ata que de feito, hoxe, ten un marco de actuación moito mais amplo que entón xa que se estende a todas aquelas persoas en risco de exclusión ou xa excluídas da cidade sen importar demasiado cales foron as causas que as levaron á mesma.
Habería que lembrar aquí que o concepto de exclusión amplía o de pobreza o non considerar unicamente a dimensión económica do problema senón tamén, a perda do vínculo social. Este termo expresa entón unha maneira de estar na sociedade que non vén definida polo que a persoa é senón polo que carece, polo que perdeu, ou polo que nunca tivo. Falar de exclusión é deixar constancia de en que medida tense ou non un lugar na sociedade, é marcar a distancia entre os que participan na súa dinámica e benefícianse dela e os que son ignorados. Polo tanto, as persoas atoparanse nunha situación de exclusión social cando as súas condicións de vida e convivencia véxanse afectadas por múltiples déficits e carencias que ao acumularse, provocarán unha situación de enorme risco, dada a súa incidencia na redución do apoio social proveniente das relacións sociais, familiares e/ou comunitarias e na diminución dos recursos persoais en canto a competencias e habilidades se refire.
Por iso, no “Centro de Atención Social Continuada” da rúa Cruceiro procuramos atender a diario ademais de a dependentes a calquera tipo de sustancia, á totalidade das persoas que se atopen nunha situación de vulnerabilidade, risco e/ou exclusión social xa sexa puntual ou mantida no tempo tentando cubrir aquelas necesidades mais básicas que poidan ter e apoiándoas e orientándoas dunha maneira activa para lograr así a súa inclusión efectiva e completa.
O noso Concello de referencia é o de Pontevedra co que mantemos unha excelente relación de axuda mutua pero é certo que, as veces, traballamos tamén con outros coma os de Vigo, Vilagarcía de Arousa, Ribeira, O Grove ou Santiago de Compostela.
Os programas que levamos a cabo para a mellora das condicións vitais das persoas usuarias que atendemos son os seguintes: Orientación e Axuda a Persoas Drogodependentes, Derivación de Usuarios a Centros de Tratamento e Deshabituación para Drogodependentes, Reinserción de Drogodependentes a Tratamento de Deshabituación de Drogas en colaboración co “Programa de Galicia sobre Drogas” da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, Centro de Apoio Social a Procesos Terapéuticos para Homes, Orientación e Axuda a Persoas en Risco de Exclusión Social ou xa Excluídas, Subministración de Preservativos en colaboración coa "Dirección Xeral de Saúde Pública", Intercambio Gratuíto de Xiringas en colaboración coa "Dirección Xeral de Saúde Pública", Ocio Dirixido, Reparto de Alimentos, Empresa de Inserción Laboral “Feito Pontevedra SL”...
Loitamos para que os máis vulnerables se decidan a entrar de cheo no circuíto dos servizos sociais da cidade na procura doutra vida distinta afastada da mendicidade, da ocupación, da adición...
Actualmente a nosa asociación atópase xunto con outras entidades da cidade integrada no chamado TERCEIRO SECTOR e ocupámonos, xuntos, de realizar proxectos de acción social e de defender os intereses daqueles colectivos máis vulnerables.